Presentación de traballos
Eixos temáticos

Benestar, comunidade e calidade de vida
Comunicacións que abordan a investigación e a práctica desa educación social dirixida a mellorar as condiciones de vida das persoas e comunidades, dende os servizos sociais ou outros espazos.
Búscase a reflexividade teórica, a investigación e a práctica profesional en torno aos enfoques de benestar, calidade de vida e garantía –e conquista– de dereitos.
Interesan aquelas estratexias de desenvolvemento e fortalecemento comunitario que poñen no centro a vida (saúde, coidados, natureza) así como o labor de acompañamento ás persoas na superación de dificultades en diferentes ámbitos de vida.

Diversidade e interseccionalidade
Comunicacións que traten sobre a comprensión e abordaxe das múltiples formas de diversidade (cultural, racial, sexual, de xénero, funcional, de idade, etc.) e as súas interseccións, dende unha mirada práctica ou investigadora. Este eixo céntrase en como as diferenzas sociais e identitarias se cruzan para crear experiencias únicas de discriminación ou privilexio, e como a educación social pode accionar e funcionar como aliada para fomentar unha sociedade máis inclusiva, xusta e garante de dereitos. Acolle tamén todas aquelas comunicacións referidas á acción socioeducativa con colectivos atravesados por estes eixos.

Educacións críticas e transformadoras
Comunicacións que exploren enfoques pedagóxicos destinados a cuestionar e transformar as estruturas sociais, políticas e económicas que danan o noso espazo de vida e relacional, que perpetúan a desigualdade e limitan o acceso a dereitos das persoas e colectivos. Este eixo céntrase en ofrecer liñas de investigación e prácticas nas que a educación social pode ser unha ferramenta para o cambio social, promovendo o pensamento crítico, a emancipación e a acción colectiva, en favor de sociedades xustas e sostibles, no local e no global. Teñen cabida tamén neste eixo as prácticas investigadoras de carácter crítico e participativo.

Corpo, artes e medios audiovisuais
Comunicacións que exploren o corpo, a expresión artística ou o uso dos medios audiovisuais como ferramentas pedagóxicas e de intervención social. Este eixo céntrase no uso creativo e expresivo do corpo e das artes para promover a inclusión, o benestar e o cambio social, así como nas posibilidades e impacto dos medios audiovisuais na educación. As tecnoloxías xa non son só unha ferramenta de traballo. O virtual é hoxe en día espazo de socialización, participación e encontro; así como de aparición de novas vulnerabilidades. Destacan as investigacións que nos permiten explorar estos espazos.

Ámbitos emerxentes
Comunicacións que traten sobre novos espazos, retos e prácticas que están a xurdir no campo da educación social debido aos cambios sociais, tecnolóxicos e culturais. Este eixo responde á capacidade da educación social para adaptarse e responder a contextos emerxentes que afectan á vida das persoas e das comunidades.
Simposio
Pódense propoñer simposios autoorganizados relacionados cos eixos temáticos do Congreso:
-
Cada simposio centrarase nun tema arredor do que xirarán todas as achegas. Terá que estar formado por 3/4 achegas, que deberán ser de polo menos dúas universidades e/ou institucións distintas, valorando positivamente a participación conxunta dos ámbitos académico e profesional. Poderán presentarse en galego, castelán ou portugués.
-
Cada simposio contará cunha persoa coordinadora, que será a encargada de realizar e enviar a proposta, axilizar a súa presentación e establecer a comunicación coa Organización do Congreso. Tamén debe participar nalgunha das contribucións que compoñen dito simposio.
-
Todas as persoas asinantes das achegas deberán inscribirse no Congreso e abonar a correspondente taxa de inscrición.
-
A proposta de simposios poderá realizarse ata o 16 de febreiro. Farase a través do formulario habilitado na páxina web, cunha extensión de entre 1500 e 2000 caracteres cada contribución, sendo esta a proposta para a súa publicación no Libro Virtual de Actas do Congreso con ISBN.
-
As propostas recibidas estarán suxeitas a revisión por pares a dobre cego. No caso de que o número de propostas valoradas positivamente sexa superior ao número de espazos dispoñibles, consideraranse por rigorosa orde de recepción e en función da atención ás directrices dadas. O Comité Científico do Congreso comunicará a súa decisión sobre a aceptación dos simposios propostos antes do 10 de marzo.
-
A duración total de cada simposio será de 1 hora e media. Realizarase presencialmente no día/hora/espazo previamente comunicado, seguindo as suxestións indicadas pola Comisión Organizadora. A persoa coordinadora será a encargada de dinamizar o seu desenvolvemento. Expedirase un certificado como ponencia de simposio para todas as persoas integrantes.
-
Cada autor/a poderá participar cun máximo de dúas contribucións (dúas comunicacións, dúas ponencias en simposio ou unha presentación en simposio e unha comunicación).
Comunicación
Poderanse propoñer comunicacións (investigacións, experiencias, revisións sistemáticas, etc.) relacionadas cos eixos temáticos do Congreso:
-
A proposta de comunicación poderá realizarse ata o 16 de febreiro. Realizarase a través do formulario habilitado na páxina web, cunha extensión de entre 1500 e 2000 caracteres, sendo esta a proposta de achega para a súa publicación no Libro Virtual de Actas do Congreso con ISBN. Poderán presentarse en galego, castelán e portugués.
-
As propostas de comunicación recibidas serán obxecto de revisión por pares a dobre cego. No caso de que o número de propostas avaliadas positivamente sexa superior ao número de espazos dispoñibles, consideraranse por rigorosa orde de recepción. O Comité Científico do Congreso comunicará a súa decisión sobre a aceptación das comunicacións propostas antes do 10 de marzo.
-
Os/as autores/as indicarán o eixo temático no que se enmarca a comunicación, pero existe a posibilidade de que o Comité Organizador a modifique en función de criterios de contido ou compensación de espazos de comunicación.
-
Todas as persoas asinantes da comunicación deberán inscribirse no Congreso e abonar a taxa correspondente.
-
A presentación de cada comunicación realizarase presencialmente no día/hora/espazo previamente comunicado, en formato de diálogo, xerando un espazo de intercambio de investigacións/experiencias entre quen comunica e as persoas participantes. A persoa comunicadora responsable de cada constribución deberá destacar no tempo asignado 2/3 ideas clave do seu traballo (sen soporte de PowerPoint), a partir das que se xerará o posterior debate e intercambio de ideas. Expedirase un certificado de comunicación.
-
Cada autor/a poderá participar cun máximo de dúas contribucións (dúas comunicacións, dúas ponencias en simposio ou unha presentación en simposio e unha comunicación).
Publicación en Octaedro
As contribucións dos simposios e comunicacións aceptadas e presentadas no Congreso poderán ser propostas polos seus autores como capítulo de libro, que será publicado pola editorial Octaedro en 2026 en formato ebook:
-
As propostas de capítulos poderán enviarse entre o 1 de xuño e o 30 de outubro de 2025 ao seguinte correo electrónico: cipies@ceesg.gal. Estarán en castelán e deberán cumprir rigorosamente as instrucións recollidas no modelo elaborado para tal fin, facilitándose unha plantilla.
-
Co fin de garantir os estándares de calidade necesarios da publicación, o Comité Científico do Congreso, mediante revisión por pares a dobre cego, poderá solicitar as modificacións necesarias na proposta, así como, se é o caso, rexeitar a súa publicación.
-
Un mesmo autor/a só poderá aparecer como asinante dun capítulo. Todos os autores/as deberán estar previamente inscritos no Congreso. Suxírese que o título do resumo da contribución ao Congreso e o título posterior do capítulo do libro non coincidan.
